h1

Lugo, 19 de xuño de 2015.- O Hospital Universitario Lucus Augusti, en colaboración coa xunta provincial de Lugo da Asociación Española Contra el Cáncer, veñen de poñer en marcha unha iniciativa solidaria, froito dun convenio de colaboración entre ambas entidades. Trátase de “Carrito Amable”, unha intervención de voluntariado promovida pola AECC dentro do marco da Humanización da Estrutura Organizativa de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos.

Grazas a esta iniciativa, que botou a andar o pasado 8 de xuño, voluntarios da xunta provincial da Asociación Española Contra el Cáncer ofrecen un refrixerio (bebidas quentes, zumos, galletiñas...) aos usuarios do Hospital de Día de Oncohematoloxía, co obxectivo de propiciar o acercamento entre os voluntarios e os pacientes e as súas familias, acompañándoos e facéndolles máis levadeiras as horas de tratamento contra o cancro.

A súa vez, o persoal voluntario desta asociación facilitaralles información dos servizos e programas que a estes enfermos lles ofrece a AECC, posto que un dos seus principais obxectivos é apoiar e acompañar ás persoas diagnosticadas de cancro, e aos seus familiares, durante o proceso da súa enfermidade.

O vindeiro martes, día 23 de xuño, ás 12 da mañá, terá lugar a presentación oficial desta iniciativa, na que participarán as entidades colaboradoras (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Asociación Española Contra el Cáncer, GADIS).

Tamén estarán presentes tres traballadores da estación de seguridade e control ITV de O Ceao-Lugo, que actúan como padriños da AECC, grandes coñecedores desta iniciativa, posto que a presentaron ao I Concurso Solidario Deja Huella, posto en marcha pola súa empresa, e con ela obtiveron un terceiro premio dotado con 5.000 euros, entre máis de 78 proxectos participantes de toda Galicia, o que economicamente facilitou a súa posta en marcha, ao igual que a colaboración por parte de Gadis, que aporta produtos para o Carrito Amable.

 

A presentación de Carrito Amable terá lugar no Hospital de Día de Oncohematoloxía.

  

SAÚDOS,

GABINETE DE COMUNICACIÓN