h1


Este protocolo evitará que os pacientes cheguen ao especialista en Traumatoloxía sen ningún estudo previo

Este tipo de proxectos aproveitan a excelente preparación dos médicos de atención primaria, permitíndolles solicitar probas de alto nivel tecnolóxico

 

Lugo, 13 de xuño de 2014.- O Servizo de Traumatoloxía do Hospital da Costa lidera a posta en marcha dun protocolo de xeonllo, que suporá unha importante mellora na atención dos cidadáns, ao acurtar tempos de espera, e favorecer unha valoración máis áxil e con menos desprazamentos ao hospital. A posta en marcha deste protocolo, permitirá que os médicos de atención primaria podan solicitar directamente as resonancias magnéticas daqueles pacientes cunha posible patoloxía de xeonllo, evitando así consultas e viaxes innecesarios ao hospital. De forma experimental, este novo procedemento comezará a funcionar nun centro de saúde de A Mariña, aínda por determinar, para estenderse, posteriormente, ao resto da provincia luguesa.

A Xerencia de Xestión Integrada destaca que este tipo de proxectos son posibles grazas ao pulo dado á integración asistencial, que trata de aproveitar e difundir as áreas de coñecemento de maior calidade en cada centro para que poidan beneficiar ao paciente. De feito, estes protocolos procuran aproveitar a excelente preparación dos médicos de atención primaria, permitíndolles solicitar probas de alto nivel tecnolóxico, que ata o de agora se pedían dende o hospital.

Este é o segundo protocolo que se pon en marcha na provincia de Lugo, despois de que o Hospital Universitario Lucus Augusti implantara hai uns meses un protocolo de lumbalxia, que xa se está a estender ao resto da provincia, ao igual que acontecerá con este protocolo de xeonllo, que vai liderar o Hospital da Costa, e que servirá de base para desenvolvelo no resto de centros da provincia.

O doutor Luis Montero, especialista do Servizo de Traumatoloxía do Hospital da Costa, destaca a importancia da posta en marcha deste proxecto, posto que ata o de agora “un 60 por cento dos pacientes chegan ao especialista sen ningún estudo previo da súa lesión de xeonllo”. Por iso, explica que “este protocolo mellorará a comunicación entre o médico de atención primaria e o especialista en traumatoloxía, co obxectivo de acurtar tempos de espera e favorecer a valoración do paciente en todos os tramos da evolución da patoloxía”.

Para facilitar o labor do médico de familia, un grupo de traballo, dirixido polo doutor Luis Montero, elaborou a “Guía da dor de xeonllo”, un manual onde se recollen os principios básicos da exploración física, os estudos complementarios e radiolóxicos necesarios e os tratamentos.

Exploración física e estudos complementarios

Na exploración física, o médico recompila información directamente do paciente que chega á consulta queixándose de dor no xeonllo. Recónllense datos de perfil persoal e antecedentes, xa que o paciente tipo con dores de xeonllo é unha persoa maior de 55 anos, con problemas dexenerativos, como a artrose. Localízase tamén a dor e a súa tipoloxía para distinguir entre dor difusa, onde destacan os reumatismos de artrose e artrite, a dor localizada na liña articular, por exemplo, no menisco, ou situada nunha zona delimitada e diferente á liña articular, como a bursite (inflamación dunhas bolsiñas que se chaman bursas) e a tendinite. Ademais, na exploración do médico valorará a intensidade da dor para diferenciar as causas inflamatorias e a existencia de traumatismo, ben sexa roturas de menisco ou de ligamentos cruzados colaterais.

Ante unha lesión de xeonllo, o seguinte paso que pode seguir o médico de atención primaria é solicitar os estudos complementarios –analíticas de sangue e ouriños e de líquido sinovial-. E a continuación, pode solicitar estudos radiolóxicos, como a radioloxía simple, que se debería realizar sempre antes da derivación á consulta hospitalaria.

Nesta liña de mellora da atención aos usuarios da área sanitaria de A Mariña, o Servizo Galego de Saúde vai actualizar o equipamento radiolóxico dos centros de saúde de Viveiro e Ribadeo, que, a pesar de ser centros de saúde, contan con área de radiodiagnóstico propia. Así, instalaranse monitores dixitais, que mellorarán o visionado das radiografías por parte dos especialistas do Hospital da Costa.

Resonancias

Ademais das radiografías convencionais, outra das probas indicadas para diagnosticar unha lesión de xeonllo é a resonancia. O protocolo de xeonllo permitirá que, nos casos nos que o considere oportuno, os médicos de atención primaria podan solicitar directamente estudos de RNM para acurtar os períodos de espera do paciente e evitarlle consultas e viaxes innecesarios ao hospital, previos á petición desta proba por parte dun especialista en Traumatoloxía. Así, mentras o paciente agarda ser valorado polo traumatólogo, xa estará tramitada a solicitude da resonancia, e unha vez que vaia a consulta levar xa a proba feita.  Tamén se poderán solicitar ecografías.

O Servizo de Traumatoloxía do Hospital da Costa, que liderará a implantación deste protocolo, conta con profesionais de gran experiencia, que lles permitirá dirixir este proxecto piloto e elaborar os procedementos necesarios para a súa estensión ao resto da provincia. 

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN